Xullo de 2022
LMMe XV SD
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31
Nova WEB actualizada

Toda a información actualizada sobre o CMUS profesional As Pontes agora está aloxada na nosa páxina de edu.xunta.es:
http://www.edu.xunta.gal/centros/cmusprofesionalaspontes/
captura_web_Xunta
Novas
Proxecto: Hino das Pontes
08/04/2012
O departamento de Composición ven de publicar o traballo feito polos alumnos de Análise e Harmonía consistente na análise e harmonización do "Himno a Puentes" de D. Antonio Pico Blanco, e con letra de D. Francisco Cao.
Extracto da análise do Hino a As Pontes

Este traballo, dirixido pola xefa do departamento Olalla Rodríguez Corral contou coa axuda de César Candelas na análise do texto, de Ernesto Gancedo na codificación da partitura a lilypond.org e de José Manuel Campello na maquetación.


Perseguindo o obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor a música feita nas Pontes, así como promocionar o traballo que o alumnado fai nas chamadas "materias teóricas" e darlle un "aspecto máis atraínte", xurde este proxecto no que se implicou a todo o alumnado dos catro últimos cursos do Grao Profesional do Conservatorio, así como a varios mestres do mesmo e ao historiador César Candelas.

Dada a importancia da interdisciplinariedade en calquera materia, e máis cando se trata de música ligada a un texto, podemos dicir que o proxecto resultou ser de grande utilidade para que ademáis dos obxectivos antes descritos, os nosos alumnos poidan relacionar as materias de historia, análise, educación auditiva e vocal, novas tecnoloxías e harmonía, que se imparten neste Centro, así coma con outras materias coma a análise de textos ou a maquetación.

Neste traballo pretendéuse por unha banda analizar musicalmente o hino e por outra banda, darlle un aspecto máis completo coa harmonización a catro partes, xa que o orixinal só consta de unha, salvo ao final que a melodía corre por terceiras paralelas.

A melodía en sí, é sinxela, facilmente identificable e memorizable, escrita para unha soa voz (textura monódica) cunha tesitura axeitada para a voz feminina ou infantil de soprano. Outro aspecto inseparable e destacable desta melodía é o ritmo, que por veces se torna tan repetitivo que recorda certamente unha marcha militar. Inseparable da melodía tamén temos o texto, a letra, que enaltece distintos aspectos fundamentais da historia da nosa comunidade e que serviu de base para compoñer a melodía; inseparables pois, case a totalidade da peza corresponde a unha melodía silábica (unha sílaba por nota) aínda que destacan algunhas partes, sobre todo partes cadenciais, con escritura melismática (unha sílaba cunha melodía de varias notas) como consecuencia da ornamentación da melodía.

A estrutura da peza non correspondería certamente con ningunha das formas musicais establecidas e coñecidas ainda que poderíamos dicir que ten unha estrutura ternaria A-B-A' onde a terceira parte A' correspondería a unha reexposición rítmica e tonalmente invertida da exposición A. Ao final da mesma aparece na partitura orixinal unha sección en terceiras para dúas voces que poderíamos considerar coma unha Coda xa que, aínda que non podemos falar de carácter cadencial e simplicidade harmónica, sí poderíamos considerar que é coma unha melodía engadida despois de rematar esta melodía principal onde aparece outra voz máis, onde a rítmica e o carácter melódico cambian e onde mesmo o texto tamén fai unha pequena reflexión final para rematar.

En canto á harmonización a catro partes realizada polos alumnos de harmonía, poderíamos dicir que é unha harmonización tonal, con acordes moi sinxelos, pero moi traballada debido á extensión e á estrutura da melodía.

A valoración dos resultados por parte dos profesores que forman parte deste departamento foi moi positiva, de xeito que xa se están a preparar outras actividades semellantes sempre na liña do traballo con música das Pontes, escrita ou coñecida por tradición oral.

A colaboura dos alumnos foi inmellorable, e tamén a súa motivación e agarimo, polo que xa se pensa en abranguer un rango máis grande en canto a alumnado no próximo estudo para involucrar a máis alumnos e de idades máis diversas co obxectivo de que tamén eles poidan aportar o seu graíño de area nestas recopilacións.

Tedes o proxecto en versión web na sección de proxectos.
Concello das Pontes de García Rodríguez    Deputación da Coruña    Xunta de Galicia   
© 2022 Concello das Pontes de García Rodríguez

Aviso legal